headphone
Usa auriculares para mellorar a túa experiencia.
FESTIVAL
about-img
Ola a todos! Somos a Unión Musical Ponteledesma e este é o noso festival.
Creación do Festival de Bandas de Música Corría o ano 1997 cando a Banda Unión Musical de Ponteledesma puxo en marcha unha idea e un proxecto que levaba tempo na mente; era a celebración dun Festival de Bandas de Música, cuxo obxectivo principal era fomentar o intercambio coas principais bandas de música da Comunidade Autónoma Galega. Deste xeito, e coincidindo coa celebración do aniversario dese colectivo, estabeleceuse como data de desenvolvemento o último fin de semana de cada mes de xullo. Así, cada ano nestas datas, desenvólvense no inigualable escenario natural das "Insuas de Gres" varios actos que conforman un dos eventos musicais máis destacados nos calendarios das bandas na comunidade.
A xornada comeza cara ás 12 do mediodía, co concerto das xóvenes promesas que integran a Banda Xuvenil e de Formación da Unión Musical Ponteledesma. Ás veces tamén actúan diversos grupos de música de cámara como o "Tubatrom" ou o "Quinteto de metais Insuas de Gres", formados por músicos da banda e que ofrecen concertos alegres e desenfadados. Despois dos primeiros actos musicais, realízase un xantar de confraternidade cos socios da banda, uns 200, cos que se intercambian impresións e proxectos de futuro. Como sobremesa e colofón á xornada festiva, arredor da media tarde celébrase o Festival de Bandas de Música, que conta normalmente coa participación de tres bandas convidadas e, por suposto, a anfitrioa Unión Musical Ponteledesma.
Xa son vinte e unha as edicións celebradas, doce das cales os amantes da música de banda puideron gozar das notas e acordes das principais bandas de música de Galicia, como a Banda Artística de Merza, Banda Municipal de Lalín, Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Sta. Cruz de Rivadulla, Banda de Música de Catoira, Banda de Música de Salcedo ou a Banda Escola de Música de Beade, entre outras. Desde o ano 2015, o Festival adquiriu carácter internacional, ao contar con bandas de fóra de España. Dende a primeira edición, participaron no Festival un total de 67 Bandas de Música, con máis de 3.350 músicos e máis de 14.000 asistentes ao evento.
headphone